A mediados do século XX, un mozo campesiño vai emigrar a Buenos Aires. Coa maleta ao lombo, camiña sete quilómetros; perdeu o coche de liña e confía en que o leve o camión que recolle o leite. Mentres agarda a chegada do leiteiro, o mozo fai un reconto da súa vida, cos seus traballos, xogos, amores, miserias e soños. Xosé Neira Vilas (Gres, 1928) escribe un intenso monólogo interior que non cesa ata que, por fin, o protagonista emprende o camiño.
Neira Vilas (Vila de Cruces, 1928) é sen dúbida un dos escritores máis sobranceiros do noso país. A súa vida e a súa obra están marcadas pola emigración, que el viviu en primeira persoa en Arxentina e Cuba. Dese sentir nace Memorias dun neno labrego, un dos libros máis famosos das letras galegas. A mestría do Neira Vilas narrador amósase nese e noutros moitos libros que lle valeron o recoñecemento da sociedade galega.
Ao longo da súa vida Neira Vilas recibiu numerosos galardóns, como por exemplo a Medalla Castelao en 1988. Nos Premios da Edición que concede a Asociación Galega de Editores (AGE) recibiu o Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor do ano 2010.